Blogia
Poliedro

Medo me da o elitismo

 Artigo publicado na opinión da Coruña por Antón Luaces. Como sempre, deacordo con el pero con matices, que vos parce?

 

A Sinfónica de Galicia é elitista. Quedo con este titular que se tira da entrevista publicada o luns en La Opinión. É tan elitista a Sinfónica que é a única formación das súas características que enche o Palacio da Ópera -cuxa capacidade, por certo, resultou excesiva para algúns partidos cando celebraban aquí un mitin na campaña- con semanas de antelación na temporada de concertos.

Tamén é a única que se permite encher María Pita cando participa nas festas. Di a concelleira que é elitista e custa cartos: eis unha das cousas polas que os galegos somos distintos aos cataláns e a calquera comunidade europea, que acariñan todo o que significa cultura, por máis custo que teña. Unha cultura, a nosa, que emana do pobo e que o pobo pode facer súa co esforzo propio de pagar as taxas que paga ao concello que mantén a orquestra, ou á Xunta que nos abeira.

Tamén serven estes cartos públicos para aboar os salarios que os concelleiros se autoadxudican, sen que ningún patrón ou norma de traballo estableza contías. Resultan caros e elitistas os políticos, nomeadamente os municipais? Elitista, di a concelleira de Cultura. Supoño que será unha chamada de atención para que os responsables da Sinfónica poñan a remollo as súas barbas e lembren o acontecido ao Ballet Galego Rey de Viana, defenestrado por ser a representación da elite dun pobo, o galego , que soubo saborear os éxitos desta formación de baile e coreografía galegos en Tokio, Nova York, Madrid, Carballo, Vigo, Ribeira, Berna... Saír da aldea de un para coñecer o que hai fóra nunca foi malo de todo.

Como galego prefiro pagar unha entrada para un concerto da Orquestra Sinfónica de Galicia (unha formación nosa que representa a Galicia e á Coruña en cada actuación, como fixo o Rey de Viana) a perdela porque unha concelleira de Cultura di que é elitista e cara. A cultura nace na base, non na elite.

Unha orquestra como a nosa Sinfónica contribúe a que esa base sexa máis ampla cada día. Acaso non son a elite os políticos? Son caros e, polo tanto, é cara a democracia con cultura? É menos elitista e menos cara a Cidade da Cultura?

1 comentario

Bi -

Cuando quieras te dejo que me invites al Palacio que ya sabes que me tiran esas cosas.

(Gran artículo, como todos los demás)

Por cierto, se echaron de menos tus tonterías por tierras aragonesas ;)